"A Caverna" (poema 5)
- Natalia Alonso Ramos
- 1 jun 2020
- 1 Min. de lectura

Afastou o cabelo de diante da faciana para despois queimalo con tinte loiro platino. Orson explicoullo: era preciso acabar con Gilda,
necesitaba asasinar a Gilda.
Gilda non era a protagonista da súa película.
Rita albergaba a súa propia versión dos feitos:
"Men fell in love with Gilda but they wake up with me". Espertan tristes. Todos espertan tristes. El tamén.
Logo do desastre,
observou con lentitude a dama de Shanghai, multiplicada a través dos espellos, lista para dar lume co seu revólver.
No seu novo traxe de muller fatal veuse tan distinta e tan igual que non puido máis que pensar
na fatalidade do seu destino.
Foi entón cando o director berrou "Acción"
e ela non tivo máis remedio que disparar. Natalia Alonso Ramos (2019)
Comentarios