"A equilibrista e o circo"
- Natalia Alonso Ramos
- 23 mar 2020
- 1 Min. de lectura
Actualizado: 27 abr 2020

A que nunca descubriras
un xeito tan fermoso
de asumir a derrota?
No fío metálico da incerteza
camiño abaneada polo meu propio sopro.
Fóra de min, fóra do meu corpo,
aplaudo a realidade
e todo carece de importancia.
Apreixo os labios,
coma se estivese a piques de bicarte,
a piques de bicarme,
e debuxo un ínfimo círculo
polo que debe fuxir o vento.
O meu cadáver
anhela a temperanza do equilibrista.
Dos pés tronzados polo arame,
unha trémula pinga vermella
resístese a voar.
Igual que as miñas mamas,
a piques de rozarte,
queren e non poden.
Lembraste?
Debías secuestrar a cintura
e obrigarme a dar un paso.
Mais tranquilo,
fun unha boa alumna,
de ti aprendín o goce da vertixe.
Sopro de novo,
agora con máis decisión,
e o sangue fende o baleiro,
bautiza a area do circo.
A que nunca descubriras
un xeito tan fermoso
de asumir a derrota?
Natalia Alonso Ramos (2010)
Poema gañador do 2º premio de poesía do 'IV Certame Literario Terras de Chamoso'
Comments