"Desexo"
- Natalia Alonso Ramos
- 6 abr 2020
- 1 Min. de lectura
Actualizado: 27 abr 2020

I
déixate levar pola nobre misión do desacougo
percibe o útero
coma se fose o agasallo máis breve
e máis lonxevo
canta todas as historias que nel se refuxian
canta as escamas dos peixes
ou os sucos que percorren as follas das árbores
cantas as marcas da vellez
canta a lisura da inocencia
II
(ela nunca comprendera a xenreira das ortigas
camiñaba cos pés espidos
sobre un xardín a bravo
e coidábase moito de non pisar a languideza das flores)
déixate levar pola nobre misión do desacougo
(ela descoñecía o sabor da caverna
o tacto humedecido polo réptil)
III
a auga en realidade
nunca logra saciar a sede
desexo é un baile que non cesa
desexo é un baile que se pode bailar sen música
desexo é un baile que se pode bailar sen bailar
movementos pendulares
unha mosca fende a hora da sesta
ao lonxe estoura o ladrido dun can
se lle dou a volta a este reloxo
a area volverá deslizarse polo seu interior
(déixate levar pola nobre misión do desacougo)
Natalia Alonso Ramos (2011)
Poema gañador do 1º Primeiro Premio de Poesía do 'VIII Certame Literario Concello de Ames'
Commentaires