"Searching for something"
- Natalia Alonso Ramos
- 4 may 2020
- 1 Min. de lectura
Actualizado: 11 may 2020

A casa,
os tomates verdes madurando a carón da fiestra,
o cheiro intenso do verniz sobre a madeira,
e os paxaros,
e os cans que aparecen nada máis abrir a porta,
mesmo antes de que saia o sol,
coa lingua de fóra
e un espello de auga doce
acubillado na cunca dos ollos.
O tic-tac do reloxo,
a disciplina dos soldados,
o útero das horas,
o falo dos segundos.
A pintura non figuratuva das moscas,
o tusido ocasional dalgún motor,
a elegancia flamíxera das espigas,
unha onda de murmurios opacos
pronunciada de folla en folla,
palabras que eu non podo discernir,
pero si admirar,
o sorriso morno do mudo Singer,
porque el sempre me saberá comprender.
Natalia Alonso Ramos
Fragmento dun poema publicado na Revista Lucense de Creación Poética Xistral (2015)
Comments